Conversas dos corpos arredor de “Directo 9”

Conversas dos corpos arredor de “Directo 9”

–Por Sabela Mendoza


Dende o Taller de Público(s) –organizado polo proxecto Programación Expandida TRCDanza– entrevistamos a Rut Balbís, directora da compañía Pisando Ovos, sobre a súa última creación “Directo 9”: unha proposta escénica que convida aos corpos a vibrar conxuntamente ca enerxía da música en directo. A peza ía presentarse o 31 de outubro de 2018 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e uns días antes lanzamos varias preguntas a Rut, ao fío dalgunhas curiosidades que nos suscitara o que íamos ver no teatro. As respostas de Rut foron compartidas no grupo do taller. Así se prepararon os nosos corpos, os corpos dos públicos que logo asistiriamos á función:


Rut Balbís sobre “Directo 9”

(Sabela)_ Estreada en outubro de 2018 no Teatro Ensalle de Vigo, a peza “Directo 9” explora os estados físicos que xorden do esgotamento e da entrega dos corpos a unha mesma fonte de enerxía (neste caso a música electrónica en directo), e a capacidade de transformación desa experiencia en comuñón. É, ademáis, a novena peza da compañía. Comecemos por aquí: Como nos contarías a relación das pezas da traxectoria de Pisando Ovos ca cuestión numérica, e os títulos numéricos?

(Rut)_ Pois todo empezou dunha maneira así moi fortuita, como tamén comezou a compañía, porque nós, David [Loira] e eu, fai xa catorce anos agora, empezamos durante a nosa etapa de formación a tontear ca creación e a facer cachiños do que se converteu nunha primeira peza. E de título decidimos darlle o código postal de onde viviamos en Londres: “N80HX”, onde tivemos unha época moi especial vivindo xuntos e coñecendo o que era a danza contemporánea. A partir daí nos convidaron dende o festival En Pé de Pedra, que para nós era moi especial. Entón desa peza xurdiu outra, e o título foi “No intre 1800”, que tiña que ver con eses 30 minutos que íbamos a bailar alí en En Pé de Pedra. Foi unha cousa moi fortuita, casual desas dúas primeiras pezas. Pero xa cando tivemos que darlle título á terceira [“30.000”], nos parecía que… Bueno, sempre é así unha cuestión complicada dar título a unha peza, non? E encontramos como unha fórmula, unha maneira de poder nomear os espectáculos. E se nos ocurriu continuar con esta idea dos números.

Este tema dos números, eu si que o interrumpo nunha peza que se chama “Que volvan as flores”. Aí, polo significado do momento e por todo o que me viña pasando, e que me parecía que era unha peza importante na traxectoria artística da compañía, decidín que xusto esa peza non levara un número dentro do título. “Give it a Spin” tampouco. E agora de novo, polo momento en que me atopaba decidín que si, que había que volver a parte das orixes de Pisando Ovos. Eu sabía con seguridade que ía falar sobre o tema do “directo”: como compartimos un espazo conxunto e como moita xente conseguimos xerar unha enerxía que nos pode levar a un lugar diferente ao terrenal no que estamos. E ese espazo eran os concertos de música en vivo, música electrónica neste caso. E pensei que o apelido dese “directo” tiña que ser un número, que neste caso era o 9, porque era a novena peza de Pisando Ovos.

De onde xorde a idea e como se desenvolveu o proceso de “Directo 9”? Hai unha relación con pezas anteriores, como “Give it a Spin”?

Ao rematar os procesos, cando estreo un espectáculo, e cando máis me dou de conta das cousas que fago e por que. E unha das cousas que apareceu foi a idea de triloxía. Eu xa me dera de conta de que despois de “Give it a Spin”, tiña na mente facer algo que continuase co tema da música electrónica e quería seguir traballando con Jas [Processor] como dj en escena. Ao escribir o proxecto, decateime tamén de que había moito da peza “Que volvan as flores”, porque me seguía apetecendo traballar máis sobre o que é o proceso: o tema da construción en directo da partitura coreográfica e tamén do asunto espacial, como facía cas cadeira en “Que volvan as flores”. En “Que volvan as flores” eu tiña a acción de ir manipulando as cadeiras ata que de repente aparecía unha paisaxe, unha atmósfera que, xunto con Afonso [Castro] e a luz, se transformaba nun universo onde eu interviña co corpo. Neste caso, que está o espazo baleiro, son os propios bailaríns dende unha acción repetitiva os que constrúen: collimos esa idea de repetir algo ata chegar a un estado físico, neste caso para construir e para que aparezan as imaxes máis poéticas e eses universos dos que eu falo moitas veces. Entón, unha vez que pechei e estreamos “Directo 9”, me din conta que había moita relación entre “Que volvan as flores”, “Give it a Spin” e “Directo 9”. E que hai toda unha idea de construción en directo, de música electrónica; e un pouco as estéticas tamén, que aínda que non son iguales, me rondan tamén unhas estéticas semellantes. E de aí esa idea de triloxía.

E… de onde sale todo isto? Pois ben, sempre que eu ía aos concertos de música electrónica, me apaixonaba ver a todo o mundo bailando, saltando, con un montón de liberdade, sen condicionamentos, a xente divertíndose… Non sei, sempre me pregunto por que en certos contextos nos reunimos e pasámolo moi ben a través do corpo e do movemento e despois somos máis retraídos para decir que bailamos ou para expresarnos dende o corpo. Entón esta idea de masa conxunta, miles de persoas que diante dese artista [o dj] empezan a saltar, a saltar, a saltar… e o que fan co salto é contaminar ao do lado… atraíame moito esta idea. Así é que aparece a idea de concerto e que empezo un pouco a desgranar a idea do directo. Hai un texto de Francisco Cruces, que me serviu de base para entender esta idea de reunión, de comunidade, de comuñón, que necesitamos seguir atopando na sociedade actual, xa que outros valores máis clásicos como son a familia, as relixións, a fe… están máis desvanecidos. Seguimos necesitando estar en grupo e en comunidade, e esa idea tamén me apaixonaba.

Que pasa? que eu non podía ter un grupo na escena para traballar esa idea de masa, tiña tres bailaríns, e entón … bueno, sen desgranar así moito sobre o que se ve na peza, ao final a miña obsesión foi investigar sobre como conseguir un estado físico ao que se chegase de verdade dende un punto de vista físico, físico. É dicir, non centrarme nun movemento que teña que ver cunha narración, ou cunha idea de imaxe metafórica, senon neste caso máis ben o que quería era falar sobre o desgaste dos corpos, sobre encontrarme con corpos ao limite do seu aguante e da súa resistencia. O espectáculo ten dúas partes moi diferenciadas. Unha é todo este traballo nesa idea de concerto de masas, onde os corpos acaban desgastándose pero non para caer, senón para transitar a un estado diferente, como pode ser un estado de transo. Logo vén a parte de corpos más dancísticos, de atmósferas, de poesía.. aos que se chega dende un corpo cun estado moi concreto: neste caso é o cansazo. Entón os bailaríns chegan a encontrarse con ese esgotamento para despois utilizalo e dende aí, dende ese esgotamento, sacamos na segunda parte uns corpos persoais deles, pero que chegan doutra maneira.

Sempre dirixiches e intepretaches as túas pezas, pero en “Directo 9” decides saír da escena. Como foi para ti a experiencia de dirixir ao equipo dende fóra?

Pois foi toda unha experiencia. Porque claro, eu teño como moi controlado e coñezo bastante ben como atacar dende dentro de escena o que son os tempos, o tratamento de imaxes, etc. Traballo moito ca idea de tempos lentos, de estirar eses tempos, resistir. E agora houbo un equipo ao que lle tiven que transmitir eses conceptos, non? Entón foi toda unha experiencia para mín, unha aprendizaxe. Ao mesmo tempo estou feliz de contar con xente á que lle interesa a nosa linguaxe, e que se puxo na miña pel para poder poder traballar estes temas. Tiña moitas ganas de estar dende fóra, porque no que estou moi metida agora é na idea de proceso creativo, de investigación, máis que de producto final. Si que me gusta presentar a peza de “Directo 9” como un traballo realizado, claro, pero creo que é máis unha investigación que estou facendo. E por iso necesito agora ter corpos dispoñibles para acompañar esa viaxe máis de pesquisa. Así que feliz de estar fóra. A verdade é que me apaixonan todos eses temas de dirección, de dramaturxia, de creación… E o equipo é unha marabilla. Estaban cen por cen dispostos a meterse na loucura das miñas ideas, que ás veces non teñen sentido nen saída, e é un luxo ter un equipo así, que te acompañe.

 


Espectadora sobre “Directo 9”

Ao inicio do espectáculo “Directo 9”, un efecto envolvente que recorre todo o espazo do teatro, incluidas as butacas, convida a todo o público a se mergullar na proposta: fume e unha columna de luz son os primeiros elementos que nos atravesan, dende o visual, preparando a experiencia sensorial dende aquilo ao que nos entregamos se cadra con máis facilidade: a imaxe. O seguinte, é deixarse atravesar polo son: os ritmos da música convertidos en pulsacións, latexos, capaces de pautar a respiración e percepción física. Aínda estando parada nunha butaca, a evasión cara a experiencia sensorial cinestésica é posible. Se ben non deixamos de observar o concerto dende fóra (sen posibilidade de vivenciar a experiencia de comunidade que se da no escenario), si podemos aprehender sensacións e, sobre todo, ser testumuñas da potencia do directo.

Esta experiencia será sostida durante a función polo que acontece na escena: tres bailaríns (Laura Villanueva, Fran Martínez e Raúl Pulido) despregan a súa viaxe física deixándose levar pola música electrónica que o dj (Jas Processor) crea en directo. Unha viaxe que parecen facer os seus corpos, liberados de calquera intencionalidade ou pensamento lóxico, dispostos a chegar a aqueles estados que o movemento e o bater da música pauten.

Os tres corpos de “Directo 9” comezan illados uns dos outros, cada corpo parado nun punto diferente do escenario, vibrando lixeiramente ao ritmo das primeiras progresións, de costas ao público e sen mover as extremidades. É un retumbar da masa corporal. Pouco a pouco, estes corpos que xa adquiriron unhas vibracións de base, incorporan o vibrar como movemento potencial e o levan a outro sitio: empezan a desprazarse polo escenario. Dan con outro corpo, e se deixan contaxiar. Durante unha hora, os corpos seguirán a progresión da música: latexos, vibracións, desprazamentos, saltos, silencios, suspensións e expansións. Entre uns movementos e outros, acontecen nos corpos (e entre os corpos) diferentes estados: o contaxio, a liberación, o esgotamento, o recollemento, a transformación e o encontro. Estados físicos aos que, tal como nos explicara Rut, chegan dende un exercicio de movemento puramente, sen máis pauta que a de entregarse á música e atravesar o cansazo, superar o control mental.

Un dos logros máis interesantes de “Directo 9” son as transicións ou progresións. Como público, unha case non percibe os momentos dos cambios: así reparo que os corpos deixaron de vibrar cos brazos descolgados, e agora están a saltar cos brazos extendidos, pero non sei en que momento comezaron a facer este movemento novo. Os corpos están a transformarse en todo momento, á base da insistencia. Observar un corpo neste estado de entrega, convídate como espectadora a entrar no bucle, na espiral de movemento, por iso non te decatas dos momentos en que unha forma pasa a outra forma, senón que acompañas a transición, a transformación.

Grazas a isto, a percepción do tempo tamén é variable: hai momentos musicais nos que as repeticións e bucles fan sentir que o tempo se estende e pasa lentamente; momentos nos que as suspensións e silencios paran e conxelan os minutos, e outros momentos melódicos ou progresivos nos que todo acontece á présa. É dificil describir cando comeza a pasar cada “cadro” na escena, cando se encontraron e cando se separaron os corpos. Se ben existen dúas partes ben diferenciadas en “Directo 9”, tal como apuntaba Rut. Na primeira parte os tres corpos se entregan e desgastan ata o esgotamento, deixanse levar e contaxiar, primeiro pola súa propia vibración e logo pola vibración amplificada do grupo, que sosteñen entre todos. Nesta primeira parte hai un deixar de ser “un/unha mesmo/a”: abrazar o movemento interior (pulsacións) e exterior (vibración da música e dos corpos xuntos) para ser movemento. Esta parte, máis repetitiva, deriva nun esgotamento dos corpos que descenden a súa enerxía ata chegar a un momento de silencio, de parada, de escoita. Comeza así unha segunda parte de “Directo 9”, na que os corpos xa pasaran por unha transformación, e se atopan nun estado físico disposto a tomar decisións, se ben decisións baseadas no movemento e o ritmo. Liberadas todas as tensións na primeira parte, agora é que están dispostos, abertos, para atopar os seus propios movementos. Os bailaríns comezan a contruir escenas eles mesmos, dende eses estados que lles son propios por conquista, tanto individualmente como en grupo. Os corpos están en fluxo coa música e a música en fluxo con eles: derrítense cunha música clásica, dan vóltas acompañando un piano, enrédanse entre eles, aúpan aos compañeiros, ou toman o protagonismo en fermosos momentos de “solos”, manipulando incluso obxectos da escena. O final, como non podía ser doutro modo, é un momento de encontro festivo dos corpos, un baile de celebración, no que se rompe a última división que quedaba enriba do escenario. Imaxinades cal pode ser?



DIRECTO 9

(Estrea: 3/10/2018, Teatro Ensalle de Vigo)

Creación e dirección
Rut Balbís
 
Axuda en dirección
Janet Novás
 
Creación e intepretación
Fran Martínez
Jas Processor
Raúl Pulido
Laura Villanueva
 
Deseño de iluminación
Afonso Castro
 
Deseño espazo sonoro e deseño gráfico
Jas Processor
 
Produción e distribución 
Manu Lago · Galicia Danza Contemporánea
 
Vídeo promocional
Miramemira
 
Colaboran
Teatro Ensalle de Vigo
Centro Dramático Galego
Galicia Danza Contemporánea
NORMAL
 
Coproduce
Centro Coreográfico Galego - AGADIC - Xunta de Galicia

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s