de corpos presentes

De corpos presentes_

_plataforma galega para as artes performativas contemporáneas

logo_decorpospresentes_blanco

www.decorpospresentes.gal

De corpos presentes é un proxecto ou plataforma de produción, investigación e difusión das artes performativas contemporáneas en Galicia; un campo cunha comunidade artística moi fértil e activa –tanto no plano creativo e de creación de coñecemento sobre o noso presente, como na súa capacidade mediadora e dinamizadora a nivel social–, pero cun contexto institucional aínda pouco propenso para acoller e aproveitar todas as súas potencias.

Partindo da diagnose desta situación, á que queremos identificar como oportunidade, De corpos presentes procura activar conexións entre unha serie de artistas con procesos creativos en marcha no noso territorio, e unha serie de espazos museísticos, culturais e de coñecemento sensibles á creación contemporánea que, por súa vez, aglutinan a un conxunto de públicos, usuarias, profesionais e traballadoras da cultura e o pensamento actual (sen esquecer a usuarias potenciais ás que se poida chegar a través desta proposta).

A forma destas conexións defínese a través dun traballo de curadoría e mediación, para xerar un programa axeitado en cada caso. É dicir, as actividades non teñen unha forma pechada, senón que resultarán unha ou outra cousa en función das posibilidades e necesidades reais das persoas e espazos conectados. Así, o programa de De corpos presentes será mutable cada ano, implicando novos axentes e novas metodoloxías de cada vez, comezando no inverno de 2018 con: >> dúas performances (mostras abertas de traballos en proceso) a cargo de artistas de Galicia en colaboración con artistas de fóra; >> un ciclo de faladoiros en formato de conversa- entrevista entre un/unha artista ou colectivo galego e outro/a axente cultural do territorio; >> o rexistro e edición audiovisual do ciclo para iniciar unha canle online en aberto; >> un proceso de creación comunitaria dunha peza de danza con persoas de distintas xeracións; >> a edición dun caderno a modo de fanzine; >> e a publicación da memoria aberta desta primeira fase.

O título De corpos presentes fai alusión aos corpos de hoxe e ao seu estar xuntos nos nosos tempos, habitados e por habitar. >> Fai alusión, por unha banda, á materia mesma das artes performativas: o corpo como material poético. A súa expresión en plural (corpos) atende á noción de comunidade e/ou de multitude, arredor da cal xiran moitas das creacións contemporáneas. Por outra banda, o título fai alusión ao diálogo que estes corpos establecen co noso tempo, o presente, e as súas múltiples formas posibles: os nosos presentes. Un diálogo que os corpos xeran a través do seu propio estar (estar presentes) e da súa acción nun espazo e nun tempo compartidos. O diálogo e a intelixencia da súa performatividade.

cabeceras_decorpospresentes_negrohastag

+ info en web