En xaneiro de 2018 vin por primeira vez a Kokoharuka coa súa peza “Este es de aire el otro de agua” no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A compañía, de recente creación, recibira no 2017 varias residencias de creación entre Galicia e Japón, e estaba a piques de compartir co público o seu proxecto escénico. Era unha noite de dobre estrea: de compañía e de obra. Pedíronnos a todos para sentar nos palcos, deixando un espazo baleiro (de persoas, que non de sentido) dende a zona silenciosa e queda do público ata a zona da imaxe en movemento do palco. Así transcorreron os 50 minutos dunha obra chea da elegancia dos detalles na que, como espectadora, tiven a impresión de estar a observar algo inmediato e afastado ao mesmo tempo: unha lembranza. Algo que se inscribe.
Case un ano despois, Kokoharuka presentou a mesma peza no Teatro Pradillo de Madrid, no marco do programa comisariado por Anto Rodríguez Velasco, Silvia Zayas e máis eu para a temporada 2018/19. Durante o proceso de selección da temporada, recuperei imaxes que quedaran na miña memoria, reparando que a lembranza delas viña cargada de sensacións, ás que tiña gana de retornar. Para Anto e Silvia, que non viran a peza nen coñecían a compañía, o achegamento aos materiais da obra estimulaba a súa curiosidade: era difícil albiscar o que acontecería de concreto, pero resultaba doado abrirse ao seu universo sensible e responder ao convite.
Kokoharuka crea ese tipo de imaxes que non golpean no instante da superficie, senón que quedan aí, na profundidade do vivido, para retornar de moitas formas. (imaxe-corpo, imaxe-movemento, imaxe-tempo… imaxe-linguaxe?). Cando vin o traballo, salín do teatro con algúns ecos de voces (voces pasadas falando con voces futuras?), cun recordo azulado (o mar, o ceo?) e cun labirinto de corpos e palabras xogando uns cos outros (o misterio do mundo percibido dende o idioma?). Hoxe podo dicir tamén que me lembro de obxectos tomando corpo, corpos sendo materia, linguaxe a se tornar acción, luz construindo espazos. E unha impresora. Como nunca antes a vira e escoitara.
Na verdade, a peza non é tan metafórica como puidera parecer. As persoas e as cousas están aí tal como habitamos ou cremos habitar hoxe, desdobrados dos corpos, seres de carne e virtuais á vez, tentando reconciliar e aunar dentro de si as formas dos estraños estados (físicos, mentais e materiais) aos que nos empuxa este mundo: un mundo de vidas nómadas dende a quietude do corpo. Vidas que tentan estenderse todo o posible, mentres se esgotan en dimensións contrapostas. Cómo movernos dende aquí?
Tal como explica a compañía: “O espectáculo versa sobre como o crecente mundo virtual afecta á nosa libertade, á nosa privacidade e ás nosas relacións, transformando a nosa identidade. O espazo virtual, inorgánico, ao que denominamos “de aire” vaise apoderando do noso mundo orgánico, real, ao que chamamos “de auga”. É curioso observar como o elemento sólido xa desapareceu da ecuación deste mundo contemporáneo ao que remite Kokoharuka, en liña cas correntes de pensamento que tentan explicar o noso presente, escorregadizo, multiforme e inasible, por veces inasumible. E sen embargo dun peso concreto a cada instante, por veces constrinxente. Un presente que abre e pecha alternativamente, a toda velocidade. Transmitir isto sen caer no ruido ou na aceleración dos flashes, senón apostando por accións e imaxes cotidianas e poéticas que abren os sentidos, é un de Kokoharuka que denota intelixencia nas súas escollas: na limpeza dos textos, no universo sonoro, na elegancia das luces, na presenza dos performers. Elementos ben conxugados para marcar as escenas e as transicións naturais entre elas.
Unha peza que transita por lugares e tempos paralelos; por idiomas, formas e xestos diferentes que se van unindo para crear un algo novo: o “aquí e agora” múltiple que só se produce na escena, que é claramente un pero ca potencia de poder ser moitos.
Kokoharuka formouse no 2017 da man da súa directora artística Masako Hattori, artista de orixe xaponés –de ampla traxectoria nos campos da performance e a videocreación– afincada en Galicia dende hai preto dunha década. Xunto co iluminador e artista plástico Octavio Mas, colaboran con diversos artistas na realizacións dos seus espectáculos. Kokoharuka significa “neste lugar, e noutro lugar moi afastado”, unha maneira de estar e sentirse tan difícil de explicar, pero que a compañía consegue despregar enriba do escenario.
“Este es de aire el otro de agua”, de Kokoharuka
Estrea: 12/01/2018, Teatro Rosalía Castro, A Coruña
Masako Hattori / Performer, Video creación & Dirección
* David Loira / Performer. Coreógrafo, bailarín (Teatro Rosalía Castro, A Coruña)
* Mikel Aristegui / Performer. Coreógrafo, bailarín (Teatro Pradillo, Madrid)
Octavio Mas-Ybañez / Texto e Iluminación
Adolfo García / Creación sonora e técnica de vídeo
Manuel García Martínez / Asesor de dramaturxia
Rubén G. Pedrero / Produción
Luisa Gutiérrez / Fotografía
Marghe Morello / Grabación do espectáculo en vídeo