‘Pink Unicorns’ de La Macana

Con case dez anos de traxectoria como compañía, traballando a cabalo entre a súa base de operacións na Coruña e as múltiples colaboracións nacionais e internacionais, La Macana sorprende este ano con Pink Unicorns demostrando un amplo saber-facer no marco da escena contemporánea e, por riba deste, un incansable querer-aprender. O olfacto, o instinto e os corpos xa ben entrenados de Caterina Varela e Alexis Fernández (fundadores e codirectores da compañía) afánanse por achegarse ás cousas como se da primeira vez se tratase, por traballar o descoñecido, os temas nunca bailados ou contados por eles, por non repetir. E así chegan a Pink Unicorns, con ese gusto polo reto como pulo e repetindo a fórmula que lles permite lanzarse á piscina con máis confianza, a de rodearse dos colaboradores axeitados en cada proxecto.

Pink Unicorns, Pumpenhaus

Pink Unicorns aborda as relacións entre un pai adulto e un fillo adolescente no mundo actual. Pero non o fai dende a abstracción ou xeneralización do tema, senón a través da presentación dun universo concreto e particular: o de Alexis Fernández (Maca) e Paulo Fernández, pai e fillo, dous seres cheos de luz, fraxilidades, fortalezas, vida propia e vida en común, habitando unha fantasía construida entre ambos (con axuda de outros) na que se revelan as súas verdades. A fantasía dos unicornios rosas, é dicir, a fantasía do proceso creativo, da escena como espazo de posibilidade no que se fai posible –cada vez máis, neste mundo virtualizado e mediatizado– a acción real dos seres carnais. Maca e Paulo interpretan ao pai e o fillo, ao tempo que son pai e fillo, e fanno sen esconder esta dualidade de roles, antes ben xogando con ela. As cousas que din, os movementos que fan, non son paradigma nen exemplo de calquera relación entre un pai adulto e un fillo adolescente. Son seus. Porque cada binomio pai-fillo, fillo-pai é único, aínda que o contraste das discordancias e semellanzas, ese distanciamento e recoñecemento interno que todos arrastramos en maior ou menor grado, se repitan sempre como espello no que nos miramos cada xeración. É o exercicio de verdade que ofrecen Maca e Paulo (e non as situacións concretas, que lles son propias) o que permite o desprazamento cara ao xeral e converte a peza nun exercicio de “seren universais” dende o propio. Isto resulta nunha sensación de empatía para o público en dúas capas: unha empatía cara as persoas concretas que se nos presentan como xenuínas, divertidas, valentes e tenras (as personaxes “enganchan”); e unha empatía cara a realidade universal que elas poñen enriba da mesa, libre de conclusións, xuízos ou suxerencias (o tema ábrese á nosa conciencia sobre o que somos, a nosa construcción en relación ao outro).

Este exercidio de verdade de Maca e Paulo (e dos unicornios rosas) actívase ao longo da peza en dous niveis que se entrelazan. Por unha banda, realizan o exercicio de mostrarse un ao outro tal como son, ou como queren ser, algo que pasa ás veces por levarse a contraria –por retar e impoñer– e outras veces por recoñecer e incluso copiar. Por outra banda, realizan o exercicio de poñerse cada un ao nivel ou no lugar do outro, cedendo espazo propio. Dous esforzos que se materializan a través das palabras, da danza e das presencias e xestos dos corpos. E que funcionan porque, alén da súa entrega particular, Maca e Paulo se moven arroupados por un equipo de confianza, formado por Samir Akika e Caterina Varela apoiando na dirección artística, Afonso Castro no deseño de iluminación e Tilo Schereieck no deseño do espazo. O conxunto fai posible unha peza conmovedora, fresca, divertida e chea de sutilezas.

Pink Unicorn im Pumpenhaus

O contraste entre Maca e Paulo é xeracional, pero tamén experiencial. O pai, un galego de orixe cubana cunha ampla traxectoria profesional na danza, que se move ca confianza da experiencia e os vicios da mesma. O fillo, un millennial de catorce anos de corpo atlético que se sube por primeira vez ao escenario desbordante de enerxía e desenfado, tamén de pudores. Ambos descargan as súas mochilas na peza, para atopar espazos comúns, ou para convidarse un ao (re)descubrimento do outro. A nivel de movemento e de presenza dos corpos, o factor de transmisión é fundamental en Pink Unicorns, una peza de por si moi esixente físicamente: Paulo afánase por bailar e aprender a técnica para achegarse a Maca; Maca afánase por recuperar certa pureza do movemento espontáneo, para achegarse a Paulo. Por veces, cada quen insiste no seu territorio propio e levan a altos niveis as súas capacidades. Por outras, axúdanse mutuamente na transmisión de coñecemento, das intelixencias diversas que ten o corpo, procurando que ningunha vaia en detrimento de outra. Os dúos de danza, baseados na linguaxe do contact e do partnering, e aderezados ca idea de xogo, transmiten a complicidade de pai e fillo (coñecerse tan ben coma se coñecen un pai e fillo) que se axudan do movemento para resolver todas esas cousas tan difíciles de falar entre xeracións. Os solos de danza, en contraste, son momentos de intimidade nos que Maca e Paulo se descubren e desnudan como seres únicos, unha singularidade que recoñecen atada a moitos fíos de dependencia, cos que tecen un universo propio e compartido.

A nivel de dramaturxia Pink Unicorns é unha relación paterno-filial danzada en catro actos ou capítulos (a educación, o medo, o amor, o cambio de roles), sumados a un prólogo e un epílogo, cos seus momentos de silencio e de clímax marcados dende a necesidade que impón a natureza da historia, que non é tanto historia senón cousas da vida postas en acción con grandes doses de ironía. Percíbese a escoita que se deu no proceso creativo e o feito de que a peza teña sido construida entre todo o equipo. O ritmo e a dramaturxia, se ben están coidadosamente establecidos e os textos e danzas escritos, non funcionan como guión teatral ou coreografía ao uso, no seu sentido tradicional, senón que, inspirados pola propia realidade das persoas e da relación que se pón en escena (polo desexo de ser fieis ás esencias), axudan a accionar esa mesma realidade poñendo aos seus protagonistas en situacións nas que non só se recoñecen, senón que se amplifican os seus xestos, rasgos, medos, inquedanzas. Os corpos de Maca e Paulo non son vehículos ou soportes dunha mensaxe, tema ou historia. Son exercicio estético (poético) a partir da súa busca particular por recoñecerse mutuamente dende o ser sincero de cada un. Por iso, a obra resulta nun ambiente sumamente familiar (no sentido de próximo, non tanto no sentido de recrear a “institución” da familia).

Pink Unicorns é unha obra chea de momentazos cargados de enerxía, coidadosamente cosidos cun ritmo que evita a sensación de fragmentación ou de picos de aceleración e precipitación. As escenas de silencio e de repouso son fundamentais neste sentido: permiten os intres de distanciamento necesario para deixar pasar o estímulos e poñer a traballar a percepción, deixar pouso nela. Varias persoas que asistiron á estrea en Galicia no Teatro Rosalía coincidiron en que a peza é como unha comedia danzada. Abundaron os momentos de risa e gargallada, e incluso os aplausos espontáneos no medio da obra, coma cando vemos un sketch televisivo. Outras persoas destacaron escenas conmovedoras, cargadas de emoción dramática, que levaron a máis de un ás lágrimas. Non son emocións orquestadas dende a escena para procurar a autocomplacencia e o aplauso, acontecen simplemente entre as persoas que comparten os setente minutos que duran os unicornios rosas.

baile_generaciones

Merece tamén especial atención a escenografía: unha serie de volumes inflables de diferentes formas e cores chillóns, ocupando o espazo, entorpecendo dun xeito enternecedor. Para que serven? Para nada? Aí está o tema: para o que ti queiras ou imaxines. Se non imaxinas, claro, entón non serven para nada. Pero si imaxinas… poden servir para calquera cousa!! E aí os tés, diante de ti, dispostos para abrir o campo da fantasía. Como cando os xogetes abarrotan a casa: pero que fai isto aquí? Esa casiña ou ese puzzle ou ese balancín no medio da sala, molestando os usos lóxicos e os percursos eficientes dos espazos, pero lembrando que a vida comeza aí: no xogo, no labirinto non imposto, senón imaxinado. Os inflables enchendo e dando volume ao espazo contrastan ca austeridade vertical do fondo: un panel de cor gris cinzento, de xeometría cuadriculada, enriba do cal se proxectan os títulos e textos que marcan o guión das escenas. Emulando, se cadra, a pizarra e o seu marco rectangular e reducido. O espazo da aprendizaxe e a comunicación formal. Toda esta escenografía, e as accións, sitúanse nun espazo en branco: un lienzo onde as cousas non se poden agochar no escuro, nun branco aberto a todas as dimensións.

A música é unha playlist que acompaña os estados de ánimo dos protagonistas (axudando a entrar neles) e á que se suman os sons das accións dos corpos e dos obxectos. E algunha grabación de sons domésticos, que se cola no medio, aportando ainda unha maior dose de intimidade: estas persoas que vemos aquí, facendo de pai e de fillo, que nos lembran que o que vemos son dúas persoas sendo pai e fillo.

Neste sentido, o capítulo do “medo” é o que presenta maior carga emocional, maiores doses de intimidade, pois desnuda aquilo que sempre se agocha: o medo a fallar ao outro, o medo á perda do ser querido, o medo a perderse de un mesmo, o medo á dependencia e á independencia… o medo que é diferente no pai e no fillo, pero que é igualmente medo. Dous solos de danza, con o espectador máis difícil facendo de primeiro observador: o pai observa o solo do fillo; o fillo observa o solo do pai. E nós, o público, somos testemuña desa situación conmovedora na que cada un se atreve a bailar os seus medos diante da mirada máis penetrante e complexa á que nos podemos expoñer, a que máis confianza e a que máis respeto nos impón: a mirada paterna, que todo o perdoa e todo o xulga; a mirada do fillo, no que proxectamos todas as esperanzas e temores. O primeiro medo é o de Maca, que danza un solo mentres Paulo desinfla un volume inflable. Os anos da infancia voan, esfúmanse, pasa o tempo. Tras o solo de Maca, o fillo vai á procura do pai, pero xa pasaron os anos, xa non é tan fácil bailar xuntos. Ou si? Comezan novamente o dúo, con maior torpeza, querendo atoparse pero non sempre o conseguen. Quen sostén a quen? Como se resolve o medo? Xorde, na súa salvación, a música disco, a descompresión, para axudarlles a atoparse novamente no ritmo, na alegría e no deixarse ir dos corpos. O pai ponse ao nivel do fillo: baila a música disco coma se tivese outra vez esa idade, ca mesma liberdade de non pensar (verdadeiramente) no mañá. Pero esa ficción non dura tanto e ao cabo duns intres, queda só Paulo bailando a musica disco. Él, que baila verdadeiramente ca liberdade de pensar no momento presente, atópase con que o momento acaba e a soidade está ahí. Pasa entón Paulo a bailar o seu solo, ca mirada do pai sentado no chan. O desexo de que esteas sempre conmigo, pero que poida ser eu sen ti.

As relacións paterno-filiais, as súas grandezas e miserias, son tema fundamental de case todo mito, traxedia e comedia clásicas. O xerme da vida que nos vén necesariamente escrito fronte á capacidade (canta?) de escribir o destino; e o ciclo da vida que se repite cando o destino escribe unha nova orixe. E así o misterio do azar e da posibilidade, ata hoxe. Hoxe, que estas relacións non acostuman tecer o discurso da escena que poderiamos chamar das “artes vivas contemporáneas”: sí o están en moitos subtextos, pero poucas veces atopamos o tema como fío conductor, e menos veces aínda atopamos a voz narrativa e o corpo danzante/pensante da adolescencia dialogando co adulto ao mesmo nivel. E aquí a primeira sorpresa que nos da esta peza, Pink Unicorns, un paso importante para a compañía e unha proposta remarcable e orixinal para o contexto.

pink_864407_manual

* Este artigo acompaña a estrea en Galicia de Pink Unicorns de La Macana, o 20 de outubro de 2018 no Teatro Rosalía de Castro. A función estivo acompañada de varias actividades de programación expandida dentro do ciclo TRC Danza: un programa de inmersión artística para familias, no que se puxeron a traballar xuntos nais, pais e fillos adolescentes.

Pink Unicorns, de La Macana

Dirección artística: Caterina Varela, Samir Akika & Alexis Fernández

Intérpretes: Alexis Fernández & Paulo Fernández 

Deseño de espazo: Tilo Schereieck

Deseño de iluminación: Afonso Castro

Dirección de produción: Caterina Varela

Video promocional: Martina Plura

Unha produción de LA MACANA

Coprodución con AGADIC (ES), Theater im Pumpenhaus (DE), Theater Bremen (DE).

Residencias de creación: Fundación Luis Seoane (A Coruña), Pumpenhaus (Münster), Theater Bremen.

Estrea: setembro 2018, Theater im Pumpenhaus

44824235_2002654719757615_6541793984233078784_o

Anuncio publicitario

1 comentario en “‘Pink Unicorns’ de La Macana”

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s