Helena Salgueiro sorprendeu a inicios deste ano 2022 coa estrea dunha versión escénica de “Come and Go”, baseada no texto co mesmo título de Samuel Beckett, escrito no ano 1965 e descrito polo mesmo autor como “dramatícula”. A obra orixinal, de estética moi minimalista (o texto en inglés ten 121 palabras) e protagonizada por tres mulleres de idade indeterminada, está cargada de silencios. Nela o implícito cobra tanta ou máis importancia que o explícito. De feito, o texto ten máis notas do autor (sobre as posicións, os xestos ou a maneira de estar e dicir) que palabras ditas ou dialogadas polas propias protagonistas. Diriamos se cadra que ten máis arredores que centros, máis carga de contexto que tomas de palabra. O “Come and Go” de Beckett é un texto aparentemente sinxelo, pero agocha moitas capas de significado e aborda temas de gran profundidade; ademais a nivel formal é moi rico: contén dende referencias internas a outros textos, ata regras e aspectos numéricos relevantes na súa composisión e ritmo, e un longo etcétera.
Sendo o texto de Becket o que poderiamos chamar algo así unha “miniatura”, na peza de Helena Salgueiro acontece ese exercicio fascinante –á vez complexo e orgánico–, do despregar das capas agochadas no interior e exterior desa miniatura, cos seus detalles e a súa riqueza compositiva e visual. A obra orixinal funciona aquí como partitura, ten esa cualidade melódica que permite abrir as posibilidades escénicas: un exercicio de reescritura que Helena, conxuntamente coas súas compañeiras de escena Iria Sobrado e Ana Gesto, decidiron e souberon aproveitar, logrando así achegar tanta novidade como fidelidade ao espíritu desta “dramatícula”.
Na versión orixinal (ou nas adaptacións máis comúns da obra) atopamos elementos que están presentes na versión de Helena Salgueiro. Por exemplo, o feito de estar protagonizada por tres mulleres unidas por unha relación que é evidente pero da cal descoñecemos os detalles; tres mulleres que visten igual e realizan entradas e saídas en escena; a ambigüidade do que se di e o que se cala; unha austeridade minimalista e elegante; a indeterminación do espazo e o tempo no que se ubica esa escena (sen principio nin fin, o infinito, o retorno); tamén a idea dos aneis, o trenzado, os nós (as relacións) que se atan e que se rachan. Todos estes elementos atopan correspondencia –e até se ven amplificados– nas accións, movementos e situacións construidas por Helena, Iria e Ana, apoiadas por unhas elegantes visuais –responsabilidade do colectivo MOM– que xogan coa fragmentación, desdobramento e multiplicación da imaxe delas mesmas. Pero o ser fragmentado non está só presente neste xogo óptico, senón que é especialmente traballado dende o corpo: a danza do corpo desordenado, o enredo de pernas e brazos, os pés tortos, as caídas, as posturas incómodas… E, atravesando toda esta fraxilidade, logran manter un estar resistente, unha esperanza ante o estrañamento, unha defensa da dignidade dun corpo que non cala e que –xustamente por iso– é aceptado antes que agochado. Incluso as imaxes e a música responden por veces aos corpos delas, grazas á incorporación de sensores de movemento, o cal reforza a sensación de coreografía espacial, a cualidade de partitura da obra.
Son tamén moi importantes os segredos, como na obra orixinal, pero levados a outras situacións coas que logran unha especial complicidade co público. As tres performers interpretan textos escritos por elas, despegándose do guión beckettiano pero manténdose inspiradas por él: monólogos sobre o paso do tempo, o compromiso, a toma de decisións… amplificados por medio da relación con obxectos de gran simbolismo. Monólogos que funcionan como confesións compartidas co público, xerando unha gran complicidade pois atenden ás constantes da condición humana. Fannos pensar sobre a verdade (ou non) dos encontros, e sobre a verdade (ou non) da permanencia e os cambios nas persoas. Destaca a presenza escénica coa que abordan a presentación da obra dun autor como Beckett. Unha presenza que evita a trascendencia e a mostra de sentimentos, emocións ou afectos, unha fala do silencio (o individuo aparece case pola forza da súa desaparición ou baleirado). Na versión orixinal de Come and Go, as protagonistas teñen de feito unhas pautas moi claras e ríxidas: miran de fronte, manteñen unha pose ríxida, hierática, visten sombreiros que ocultan incluso a súa mirada e abrigos que tapan todo o corpo, polo que case só atisbamos a verlles a boca e as mans. Non hai sorrisos, nin muecas nin apenas xestos. Helena, Iria e Ana logran manter esas calidades da presenza “non afectada” pero sen ocultarse, sen ter que recurrir á quietude ou á rixidez, involucrando activamente os seus corpos nese “ser e estar” que non é outro que o “ser e estar” aquí, de maneira inevitable. Se cadra, o que entendemos comunmente como o noso estar (persoal e colectivo), non sexa máis que unha fuxida cara adiante. E así, neses abismos aos que nos asomamos observando a estas tres mulleres, lembramos que o tempo é circular.

Todos estes elementos singulares e as decisións orixinais presentes neste traballo, propoñen un desprazamento a partir do texto de Beckett. Empezando pola duración (máis longa), podemos mencionar unha morea de achegas e decisións estéticas nesta versión: unha construción de escenas variadas (que ofrecen disposicións e situacións diversas ás tres protagonistas), unha escenografía máis complexa e o emprego dos obxectos, a incorporación das proxeccións, a presenza da voz propia das intérpretes grazas aos textos creados por elas mesmas… E tamén especialmente a introdución de música autoría de Atzi Muramatsu que, xunto co traballo de movemento, fan desta versión unha obra moito máis dinámica e entregada á fisicidade. En síntese, hai un despregar moi rico, e bastante diverso. Que se atreve a sumar capas ás capas iniciais, sen deformar a miniatura. Introduce a hibridación de linguaxes e ferramentas e recursos que non están no orixinal, se ben tomando decisións moi claras a respecto do seu tratamento. Pasa dunha estrutura dramática marcada por un texto a un traballo moito máis performativo. Aínda así, a sensación de ‘contención’ está aí nesta versión, atravesada por momentos de ruptura nos que o ritmo acelera.
Versionar “Come and Go” é unha escolla valente porque, se ben parte dun autor recoñecidísimo como Beckett, é unha peza un tanto descoñecida polo público xeral e difícil de levar a escena. Cabe celebrar que sexa esta a primeira versión escénica que se fai en galego e que, ademais, traballe o texto orixinal agregando a imaxe, o son, o corpo, o movemento, as accións con obxectos… cosendo con acerto e detalle todos estes elementos nunha partitura-coreografía circular, ben afinada, que deixa ecos no público.
* Este artigo foi publicado orixinamente no número #103 da erregueté. revista galega de teatro, 2022/1
“Come and Go. Dramatícula No 121-127”, de Helena Salgueiro.
Estrea: 28.01.2022, Teatro Colón da Coruña
Dirección, adaptación e espazo: Helena Salgueiro
Texto orixinal: Samuel Beckett
Interpretación e textos: Iria Sobrado, Ana Gesto e Helena Salgueiro
Música orixinal: Atzi Muramatsu (Atzi Lipsync)
Apoio kinect, iluminación e asistencia técnica: Colectivo MOM (Miryam Pato, Óscar Dominguez e Manuel Fonte).
Vídeo: Marcos Montiel Reinoso
Fotografía: Alberte Peiteável
Cartelería: Paulina Funes
Produción: Helena Salgueiro. Produción accesible e sostible baixo os parámetros do #greentheatrebook. Coprodución co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro do Alentejo