«Que devolvan o piano!» Sobre Triloxía de Naxos (I), de Brigitte Vasallo

[* Este artigo foi publicado orixinamente en papel no número #104 da erregueté. revista galega de teatro, 2022/2]

No marco do festival CoruFest 2022, presentouse por primeira vez en Galicia, e en galego, a primeira peza da Triloxía de Naxos da escritora, investigadora, docente e activista feminista e LGTBI Brigitte Vasallo. Coa interpretación de Concha Milla e a propia Vasallo, dirixida por Gena Baamonde e con deseño de luces e audiovisual de Laura Iturralde. Un ensaio escénico sobre a diáspora que, dende 1950, empurrou a millóns de persoas de todo o territorio español a abandonar o campo cara o progreso, deixando atrás formas de vida, raíces, terras, comunidades e falas. Non sempre (ou non en todo) para mellor. Unha obra que, volvendo sobre eses pasos –pegadas das violencias–, ofrece tamén unha reflexión sobre o presente fracturado e a necesidade de desvío perante a aquele futuro de progreso que, décadas despois, segue postergado para case todas, case clausurado para algunhas. 

A obra tece un relato de denuncia (e tamén de afirmación colectiva) que mistura coidadosamente o traballo documental –a través de testemuñas filmada das fillas e netas daquelas xeracións emigradas–, a releitura do relato mítico da Ariadna habitante de Naxos –por medio dunha Ariadna que toma a voz e desminte–, e a exposición dun pensamento crítico que se vai despregando e operando sobre os propios retallos autobiográficos, narrados en primeira persoa pola Vasallo. Con toda a forza dunha oralidade que se comparte alí, na convención social do espazo teatral (xogando con ela), para dar a volta ao sentido tráxico imposto. É difícil desligar os tres lamentos da peza, pois todos eles afondan nas mesmas raíces e conflúen na mesma dor. Pero imos por partes, advertindo que todas elas están ligadas. 

Unha parte fundamental da obra é a que “interroga a través da metáfora de la condición txarnega, término que recibió esa migración en Catalunya”. Esta condición, convertida en termo despectivo (que é a mesma que sinala aos ‘gallegos’ na América Latina, aos ‘catetos’ en Madrid, aos ‘maketos’ en Euskadi…)  é presentada a través das testemuñas filmadas de fillas e netas desa diáspora, persoas nacidas xa noutras xeografías, que arrastran un desleixamento ao seu pesar. Un conxunto de entrevistas da conta das realidades vividas e tamén dos importantes ocos nos relatos, dos silencios nas casas, e da frustración perante a falta de pertenza e a imposibilidade de devolver ou reparar o sacrificio. Falan de como unha vergoña imposta acabou por sentirse case como culpa. Falan do seu desexo de arraigo e dos silencios que viviron na casa, dos procesos de recuperación da memoria familiar (e colectiva) e da admiración que atoparon polo camiño. A montaxe escénica pon en evidencia a dispersión desas memorias: as entrevistas son proxectadas no espazo, en teas dispostas como velas dun barco, conformando unha sorte de instalación de voces lonxanas, fragmentarias, que requiren dun certo esforzo e compromiso do público para ser escoitadas. Individualmente serían relatos incompletos. No seu conxunto, forman unha sorte de coro. Un coro non reunido, pero invocado no teatro, pois (xa) non comparten un territorio común. O teatro utilizado como espazo de posibilidade para a construción de identidade colectiva. 

Esta condición txarnega, esta identidade bastarda, é compartida pola propia Brigitte Vasallo, filla de familia Galega emigrada a Francia e despois a Cataluña. Ela presenta ás outras voces e fala con elas, comparte un monólogo no que presenta fragmentos da propia biografía e establece releituras e relacións coas historias das outras. “Somos a primeira xeración en mil lugares, e somos tamén a última de moitos outros”, conta. Especialmente emocionante é o feito de que a peza se presentase en Galiza, e que Vasallo decidise facelo en galego, recuperando unha lingua que podería ter sido propia (volve selo?!). O seu relato é un relato de desgarro, pero que trascende o lugar inoperante da víctima. E vai máis alá, nun xesto radical de dignidade, afirmando que non quere reparación pois o dano feito non é reparable: amosa sen pudores un desexo de vinganza. Recoñece ese desexo e dalle expresión: “Que devolvan o piano!”, berra, entre outras reclamacións nas que pide que os responsables (directos ou indirectos beneficiados) paguen por tanto robo. Vinganza contra o poder, o fascismo e o capital, responsables da guerra que desencadeou, tamén, a violencia da desmemoria e da extracción dos recursos. Hai un desexo de vinganza que bate con forza no público. Pero hai, tamén, un desexo patente e moi evidente de explicalo, de explicar os motivos do desexo de vinganza. Ábrese aquí, dalgún modo, unha greta de respiro na confrontación, que é, tamén, querer entender ou ser entendida. 

Outro lamento da peza é o de Ariadna, a princesa de Creta, filla do rei Minos, que (segundo o mito) renunciou ao seu pasado por amor a Teseo, fillo do rei de Atenas, Egeo. Interpretada con enorme forza por Concha Milla, quen da voz e corpo a unha Ariadna varada na illa de Naxos, abandonada por Teseo cando ambos navegaban cara o seu futuro en Atenas. Pero Concha Milla da voz a unha Ariadna que fai algo máis que esperar: Naxos é aquí ese lugar intermedio e indefinido no que dispón (por fin?) dun tempo propio para desementir, para falar do farta que está de Teseo e da sobrecarga ás súas costas, para chamar á súa nai e contarlle. Para contarnos e facernos cómplices e testemuñas da verdadeira traxedia de fondo. A compartida, a que podemos identificar en tantas e tantas renuncias pendentes de compensación. Vasallo préstalle a atención, comenta as súas palabras, e nos convida a nós a prestarlla tamén, como un modo de construír xuntas (no teatro) o espazo para esoutro relato. 

A peza fala así da verdadeira traxedia. A traxedia que case sempre é outra á que quedou escrita no relato dominante. Que se transmite nos relatos orais, nas historias persoais (que son, no fondo, comunitarias e colectivas), que require recolleita. Unha traxedia de desligamento e fractura, silenciada e esquecida nas brumas dun pasado e unha xenealoxía que non nos contamos. A peza ten a potencia de revelar que esas historias de vida, que a día de hoxe son aínda tratadas e sufridas como problema individuais (cousas a resolver na casa), son en realidade un trauma colectivo que ten as súas causas nunha violencia exercida a nivel social. Son consecuencia dun réxime extractivo dos recursos naturais, humanos e culturais, que leva décadas operando e actualizándose para seguir beneficiando a uns poucos. Vímolo no chamado éxodo rural, nas condicións de vida das barriadas das cidades, nos interiores das fábricas, na burbulla inmobiliaria que esnaquizou paisaxes, no acceso desigual aos recursos e beneficios. Vémolo hoxe na nosa relación tortuosa co rural, na construcción de macroeólicos, nas explotacións forestais que expulsan a vida a base do monocultivo de eucaliptos, nos lumes sen control, no turismo como bandeira e hexemónica forma de vida. Asistimos a estas derivas como se fose un camiño inevitable, a única versión posible do progreso… Pero non o é. Dixéronnos que non seguir este percurso equivalía a quedar atrás, a ser retrógradas ou peor, a non saber estar á altura. O problema é que, incluso as xeracións que renunciaron á orixe para se pregar ao devir dos tempos, seguiron maiormente cargando co estigma de inadaptadas. Nunca é suficiente? Xa é suficiente? 

Esta primeira peza da Triloxía de Naxos ten moitas capas. Así funciona tamén a memoria persoal e colectiva, por capas e estratos. Coselos require dun tempo e unha mirada para a que non adoitamos ter tempo (Ou si? Quen nolo quita?). É o pensamento crítico compartido, contado por voces baixas que se amplifican unhas ás outras, o que serve de fío, preciso e xusto, para tecer os retallos. Tiña que ser, tamén, no teatro.

Sabela Mendoza Fernández, out. 2022

©Fotos: Laura Iturralde

Triloxía de Naxos (I). Drama en tres lamentos e un par de actos

Ficha artística

  • Concepción e textos: Brigitte Vasallo
  • Dirección: Gena Baamonde
  • Dramaturxia: Gena Baamonde, Brigitte Vasallo
  • Intérpretes: Concha Milla, Brigitte Vasallo
  • Deseño de luces e videoarte: Laura Iturralde
  • Vestiario: Job Polari

Anuncio publicitario