“SI PUDIERA HABLAR DE ESTO NO HARÍA ESTO”, de JANET NOVÁS

“Se puidese escribir sobre iso que fai Janet Novás”…

[A versión orixinal deste artigo foi escrita en galego para a Erregueté. Revista galega de teatro, como reportaxe á función de “Hollywood” que tivo lugar no Teatro Rosalía Castro (A Coruña) o 16 de setembro de 2017].

Captura de pantalla 2018-04-13 a las 9.16.01

Non podo escribir sobre iso do que Janet Novás non pode falar. Hai que facelo, como fixo ela no escenario. Ou velo, como fixen eu entre o público. Non é, porén, un segredo. Tampouco unha danza incomprensible ou unha dramaturxia intelixible. É antes ben un exercicio de andar e bailar á procura de verdades e realidades do corpo, accións que se desvelan e se perden ao tempo que acontecen, para todos os presentes. Houbo e haberá oportunidades para achegarse a este espectáculo estreado no 2016, do que é tan difícil falar e ao que cabe desexarlle e augurarlle un longo e ancho percorrido. E probablemente recoñecerlle unha estrea sempre absoluta, polo que a proposta ten de acción real e presente, de maxia do instante, de corpo experimentando nas suas orixes e nos seus limites, de exercicio de honestidade sobre o que supón estar aquí e agora, afectando e deixándose afectar. Janet Novás explora a danza como estado no que isto pode darse. E, de feito, acontece.

Como apunta a coreógrafa, é precisamente a incapacidade de describir esta peza o que lle impulsa e motiva a facela. Entón, quen somos nós para frear ese pulo? Janet conta na sinopse: “en este traballo non formulo ningunha pregunta, discurso ou reflexión. Descoñezo que argumento lle sería máis favorábel a esta obra ou básicamente de que trata, esa incapacidade para describila impúlsame e motívame”.

Permitídeme, por iso, que non tente tecer fíos estructurais ou conexións lóxicas por entre as miñas primeiras impresións como espectadora. Algo así sae pola escritura daquilo que vin:

A procura nerviosa e sen rumbo fixo é, de certo, a menos dubitativa.

Está feita de ecos, aromas, espectros de luces e sombras.

É, ela mesma, pegada.

Transita pola natureza primitiva, a ciencia ficción, o folclore, o rock.

Para cando o teletransporte.

Sons de abismo, planicie e cavidade. Dentro e fóra.

Acantilado, túnel, espiral, buraco negro, ceo de estrelas.

O efecto bolboreta.

Rumorosa.

Esa beleza.

Captura de pantalla 2018-04-13 a las 9.15.14

Non sendo posible falar diso que fai Janet sen que se escorra, é dicir, non sendo posible describilo con palabras, podemos se cadra falar das pulsións que moven unha proposta como esta. Janet sinala o seguinte: “nos meus procesos creativos hai dúas grandes liñas ou principios recurrentes importantes nas decisións que tomo e que perfilan os meus traballos: unha de carácter intuitivo e somático e outra que reflexiona e que se fai preguntas sobre a primeita. O resultado estético das miñas pezas é unha transcripción do diálogo entre estas dúas formas de pensamento. Neste traballo tentei privilixiar todos aqueles materiais que eran fruto de pulsións, afastándome así de toda a problemática que me plantexaba o discursivo”. É claro o que a creadora se propuxo. E conségueo. A peza supón, de feito, unha negación do discurso, xa anunciada no seu título. Un título que se afasta da proposición-declaración de intencións ou desexos, colocándose nun exercicio de limpeza a favor da entrega, que tamén atopamos na execución da peza, no modo tan cru de facer danza, intuitiva e sabia. Un día antes da función no Teatro Rosalía, durante a proxección e coloquio que organizou o Proxecto de Programación Expandida do TRC na Libraría Berbiriana da Coruña, Janet conversou sobre estes lugares e momentos xerminais da súa peza cos asistentes ao encontro. Contou como, seguindo esa vontade de afastarse do discurso e atender ás pulsións, foi construindo un espazo de liberdade e de probas para a creación, sen outro obxectivo que o de experimentar. Comezou xogando con micrófonos de man, batendo e rozando con eles en distintas partes do corpo, nas superficies do espazo, lanzando no aire, mudando intensidades, usando tamén a voz. Escoitando os sons amplificados polos micros e xerando outros novos sons a partir das sensacións provocadas. Atendendo ás vibracións que resoan no corpo para utilizalas como motores de outros. Durante o proceso de creación, Janet estirou amplamente este exercicio (case un mantra), sen outra utilidade que a de ver ata onde podía chegar de cada vez, é dicir, fuxindo dunha utilidade práctica ou unha visión finalista. Logo incorporaría aos colaboradores no son e nas luces, que traerían máis elementos de diálogo espontáneo a un corpo xa moi desperto. O que parece claro é que, detrás dun proceso como este, hai un encontro de fronte con un mesmo, case violento, ou polo menos aparentemente violento, no sentido de que remove o máis íntimo, amosándoo ao exterior dun xeito amplificado e permitindo que outros dialoguen con eses materiais internos.

Todo este proceso afinou unha proposta de “corpo danzante” que no escenario se mostra chea de sutilezas e que transita por múltiples estados, delicados e brutos, terrenais e imaxinarios. Un diálogo espontáneo e ao vivo entre movemento, luz e son, que revela a potencia da escoita desas pulsións. Nun escenario austero, con tan só algúns elementos sinxelos cos que se relaciona a bailarina (unha escaleira, uns ventidadores), o corpo en movemento, acompañado do son e a luz, consegue aproveitarse da versatilidade do espazo baleiro e convida así ao público a entrar nunha outra dimensión particular, unha realidade continxente, na que a improvisación consciente xoga un papel moi importante. Logra así acadar un efecto de bucle que arrastra ao espectador. Non sabemos se os sons amplifican os movementos, ou os movementos amplifican os sons. Hai momentos de silencio e de quietude, outros de volume e aceleración. Hai diferentes atmósferas, tons, músicas e incluso escenas. Janet reproduce berridos, susurros, golpes, palabras e frases que mudan de sentido por repetición ou por desorde… Pero a peza transcorre como un continuo, de xeito que ao rematar teño a sensación de ter presenciado un plano secuencia por varias temporalidades da mesma persoa.

Captura de pantalla 2018-04-13 a las 9.15.47

A peza ten, de feito, uns tons autobiográficos, ao tempo que enfatiza o presente das accións e que achega imaxes futuristas. Janet preséntase durante unha hora coma un ser camaleónico que habita o círculo do eu, na espiral do espazo-tempo. Sorprende como pode desprender unha sorte de esencia inmutáble –orixinal e única–, a través precisamente da súa capacidade de mutación constante. Os movementos de Janet amosan fortaleza e fraxilidade, sensualidade e deformidade. A súa danza, ou “iso que fai” Janet, é inaprensível, fugaz, volátil. Por iso rotunda, presente, duradeira no tipo de memoria que só os corpos poden rexistrar, unha memoria non limitada ao instante recortado senón a esas sensacións múltiples, que percorren liñas transtemporais, non restrinxidas a un espazo particular. Malia ter estado aí. A súa danza rompe cos cánones estéticos e as tendencias. Non hai propiamente formas, sentidos, frases ou composicións. E cando xorden, xoga a baleiralas de significados. A liberalas. Como a si mesma. Como cando pronuncia palabras cambiando a orde das súas sílabas. Ou cando camiña sen rumbo, ou bota a correr e despois outra vez a danzar, movementos con cambios de foco constantes, pero sempre manténdose en si mesma. Neste traballo, parece loitar por perder a estabilidade. Axítase e déixase axitar polo espazo para atopar novas formas.

Non sei se a peza se resiste á palabra ou máis ben tenta liberala das súas lóxicas, de propoñer a linguaxe máis alá da gramática, non suxeita a xerarquías. Neste sentido pode lembrar ás propostas artísticas dos anos 60 e 70, á arte conceptual e á arte de acción, que insistían na creación de espazos de instalación onde podían darse libres asociacións entre palabras, sons, sílabas, obxectos… Janet coloca todos os sentidos á disposición da intuición. O fío conductor que une todos eses corpos polos que pasa é a mutación, a transformación do ser e a capacidade deste de transformar a súa contorna. Unha se pregunta cómo é posíbel sentir unha relación empática, un certo recoñecemento con unha personaxe como esta. Detácome logo disto e penso: “que ser tan humano”. De tan humano estremece. A súa presenza é un atractor no escenario porque se mostra irreductible, deixou todo atrás de si para estar ela mesma, no momento.

Contemporánea? Innovadora? Experimental? A proposta podería levar estas etiquetas. Non obstante, cabería precisalas. Non creo que sexa este un traballo dos que procuran ansiosos acuñar “pola primeira vez…”. Senón unha innovación das de verdade, das de “she did it again”. O que? Iso. Iso que é único cada vez que volta, a nova experiencia do vello experimento. A estrea sempre absoluta. Por veces as propostas que son chamadas contemporáneas desfásanse case ao tempo de seren pronunciadas ou clasificadas como tal. Atopan uns instantes de conexión –ou mellor dito identificación, acoplamento– cas tendencias do contexto no que son recibidas, sentimos o “clique” de estar a ver algo contemporáneo, despois pasan eses instantes de solapamento e o contemporáneo queda atrás, sexa polo desgaste da repetición, polo esquecimento do que era feble, ou polo efecto arrasador da carreira cara adiante polo contemporáneo. No sentido contemporáneo do termo contemporáneo, que non é capaz de sair da tautoloxía. A proposta de Janet Novás non é unha procura sen máis polo contemporáneo, malia rezumar contemporaneidade. Se cadra por iso non “fala” propiamente, no sentido da linguaxe. Emite e recibe sons. Propón unha viaxe telúrica e espacial. A famosa realidade en fluxo.

Creación e interpretación: Janet Novás
Dramaturxia · Ricardo Santana
Música orixinal · Haru Mori
Espazo Sonoro · Haru Mori, Óscar Villegas e Pablo Esbert
Acompañamento artístico · Antía Díaz e Lipi Hernández
Deseño de iluminación · David Picazo e Cristina Bolívar
Imaxe · Virginia Rota
Vestiario · Panamá Díaz e Maravilla Muñoz
Un espectáculo coproducido por: Festival de Otoño en Primavera de la Comunidad de Madrid, Teatro Pradillo, Escenas do Cambio, Festival BAD Bilbao.
Con el apoyo de: Graner Centro de Creació, Paso a 2 y Conde Duque, Centro de Danza Canal y Coreógrafos en Comunidad.

Teatro Rosalía Castro, A Coruña, 16 de xuño de 2017

* A programación deste espectáculo estivo acompañada polo Proxecto de Programación Expandida do TRCDanza 2017, ca publicación dun pre-texto a cargo de Antía Díaz, e cunha acción expandida celebrada na Librería Berbiriana o 15 de xuño: a proxección da peza documental “Cadencia” de Virginia Rota, con posterior coloquio ca súa protagonista Janet Novás e Pablo Esbert, coreógrafo e creador madrileño que nesta ocasión acompañou o espectáculo dende o son.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

w

Conectando a %s